O 19 de abril conmemoramos o Día da Educación Física na Rúa, que este ano estivo centrada na inclusión, invitando a todos os alumnos de
sexto de Sarria a participar nesta iniciativa. Deste xeito, o alumnado de 6º de
Primaria do CEIP Fray Luis de Granada, do CEIP Antonio Fernández López de
Oural, e dos colexios A Asunción e A Merced de Sarria gozaron dunha serie de
actividades deportivas.
Baixo o lema “A Educación Física, unha ferramenta poderosa para a inclusión”, o alumnado e profesorado do C.M. de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e o profesorado de Educación Física de Xograr, organizaron doce
áreas de traballo nas que os participantes experimentaron deportes adaptados
como; Futman, Boccia, escalada con ollos vendados, tenis de mesa adaptado,
voleibol adaptado, atletismo guiado, baloncesto en cadeira de rodas, xadrez
adaptado, etc. Tamén houbo zonas experimentais con mobilidade adaptada para
persoas con discapacidade visual ou diversos casos de diversidade funcional.
Durante toda a mañá acompañounos Adi Iglesias, a recoñecida velocista
paralímpica de Lugo, que estivo na estación de atletismo adaptado e
posteriormente deu unha charla moi inspiradora ao alumnado de Xograr.
Un dos obxectivos foi descubrir como a actividade física e o deporte non só
melloran a saúde física e mental, senón que tamén son ferramentas poderosas
para romper barreiras sociais, promover a igualdade e o respecto á diversidade.
En definitiva, un día de socialización, aprendizaxe e desenvolvemento da empatía
para poñerte na pel dos demais e descubrir as súas capacidades.
Dende o Xograr agradecen a colaboración da Cruz Vermella de Sarria, do CAPD
(Centro de Atención a Persoas con Dependencia) de Sarria e do CPAP (Centro de
Promoción da Autonomía Persoal) de Bergondo, na cesión do material necesario
para a realización destas actividades.
Aprendizaxe coa velocista paralímpica Adi Iglesais
No hay comentarios:
Publicar un comentario